Charca do Alligal

Situada na parroquia de Codesido, a Charca do Alligal é unha afamada poza de augas termais
convertida en piscina que se empraza nun belo enclave natural rodeado de bidueiros.

A primeira piscina data do ano 1930, construída en pedra e cunhas dimensións moito máis reducidas
que as que ten agora. Actualmente, é unha balsa circular de formigón, duns trinta metros de diámetro.
Do seu chan de area brotan diferentes ollos do manancial, perceptibles polas burbullas que se ven
ascender. A temperatura media anual das súas augas alcanza os 23º C, manténdose estables durante
todo o ano.

A fama das súas augas estendeuse debido á tradición e a numerosas lendas relacionadas coas
propiedades curativas e o poder milagroso das súas augas. Por esta razón, a maioría dos bañistas que
acoden á charca buscan nela un remedio ás súas doenzas; especialmente as relacionadas con problemas
reumáticos (artrose, artrite, tendinite...) e afeccións crónicas da pel (psoriase, dermatite
atópica, eccema,etc.). Na zona existe o costume de adoptar un calendario de baños de sete a once días
coa crenza de obter, así, unha maior efectividade.

A charca dispón de fonte, un amplo aparcamento e, durante a tempada de verán, tamén se abren
ao público os seus vestiarios, aseos e bar. Todo o espazo xestiónao integramente a comunidade veciñal da
parroquia de Codesido.

Nas inmediacións desta paraxe sitúase un hotel-spa, aberto no ano 2006, que aspira a converterse
en balneario.

Aínda que á charca vai xente durante todo o ano, principalmente as fins de semana, é no verán cando
se produce unha maior afluencia; converténdose a charca nunha das piscinas máis concorridas da zona.

Cómo chegar

A Charca atópase na parroquia de Codesido, colindando coa de Santaballa.

Saíndo de Vilalba pola LU-861 cara a Ferrol, deixando atrás o río Madalena e a súa praia fluvial, a aproximadamente
8 km. atópase o cruzamento que nos desvía a man esquerda para a charca. A un quilómetro e medio do cruzamento atópase a piscina termal.

Oficina de Turismo de Vilalba
Plaza de Suso Gayoso nº1 27800 Vilalba (Lugo)
Teléfono: (+34) 982 52 39 11 turismo@vilalba.org