Festas na vila

Festas Patronais

Celébranse a finais de agosto, na honra a San Ramón (31 de agosto) e a Santa María (1 de setembro). As celebracións duran máis dunha semana e a poboación da vila aumenta considerablemente debido á multitude de visitantes, veciños dos municipios máis próximos e emigrantes regresados á súa terra para pasar as vacacións e gozar das festas.

Orquestras, grupos de folk e rock, proxeccións cinematográficas, representacións teatrais, xogos para os máis pequenos son tan só algunhas das múltiples actividades organizadas para estes días.

Entre elas destaca a “Xira Campestre”, que reúne cada ano a miles e miles de persoas no recinto do río Madalena para comer, bailar e gozar durante dous días, e tamén a “Xira Campestre da Terceira Idade”, que leva máis de dúas décadas congregando a maiores de Galicia e do norte da península.

O inicio das celebracións vén marcado pola proclamación do gañador do Certame Literario do Concello de Vilalba, entre os que se atopan autores de relevancia como Fiz Vergara Vilariño, Manuel Xosé Neira, Marica Campo ou Xabier Alcalá, entre outros moitos.

Festa dos Pepes

Ao redor do 19 de marzo ten lugar na vila a Festa dos Pepes, celebración que nace co obxectivo de tentar reunir a todos e todas as Pepas e Pepes que vivan ou visiten a comarca chairega.

Cada ano un "Pepe ou Pepa" ilustre encárganse de dar o pregón. Tra-la xuntanza dos Pepes na rúa que leva o seu nome, celébrase un acto litúrxico con ofrenda, realízase un roteiro de viños e remata cunha cea popular e baile.

FIV

O Festival independente de Vilalba (FIV) celébrase durante a última fin de semana de abril, converténdose no acontecemento que arrinca a tempada de festivais.

Trátase dun festival de música indie que nace no ano 2008 e que congrega a numerosos asistentes durante os dous días do evento nos que se pode gozar de actuacións, exposicións, proxeccións e outras moitas actividades.

Os concertos teñen lugar na carpa instalada na praza da Constitución e, tamén se habilitan zonas de acampada gratuíta nas proximidades para o descanso dos asistentes. Por outra banda, o municipio conta con modalidades de aloxamento para todos os gustos, que convén reservar con suficiente antelación.

Este evento conta con imaxe propia e logra crear un ambiente único caracterizado principalmente pola cor fucsia que domina a iluminación, decoración de escaparates así como a propia carpa e a súa contorna.

A venda de entradas do festival realízase principalmente de forma anticipada a través de internet desde a propia páxina web do evento. Non te quedes sen a túa!

Máis información en: web oficial FIV

Oficina de Turismo de Vilalba
Plaza de Suso Gayoso nº1 27800 Vilalba (Lugo)
Teléfono: (+34) 982 52 39 11 turismo@vilalba.org