Festas Patronais

Celébranse a finais de agosto, na honra a San Ramón (31 de agosto) e a Santa María (1 de setembro). As celebracións duran máis dunha semana e a poboación da vila aumenta considerablemente debido á multitude de visitantes, veciños dos municipios máis próximos e emigrantes regresados á súa terra para pasar as vacacións e gozar das festas.

Orquestras, grupos de folk e rock, proxeccións cinematográficas, representacións teatrais, xogos para os máis pequenos son tan só algunhas das múltiples actividades organizadas para estes días.

Entre elas destaca a “Xira Campestre”, que reúne cada ano a miles e miles de persoas no recinto do río Madalena para comer, bailar e gozar durante dous días, e tamén a “Xira Campestre da Terceira Idade”, que leva máis de dúas décadas congregando a maiores de Galicia e do norte da península.

O inicio das celebracións vén marcado pola proclamación do gañador do Certame Literario do Concello de Vilalba, entre os que se atopan autores de relevancia como Fiz Vergara Vilariño, Manuel Xosé Neira, Marica Campo ou Xabier Alcalá, entre outros moitos.

Oficina de Turismo de Vilalba
Plaza de Suso Gayoso nº1 27800 Vilalba (Lugo)
Teléfono: (+34) 982 52 39 11 turismo@vilalba.org