español galego english

Turismo Vilalba

Portada Contacto Mapa web

atrás Axenda  

"RUBÉN ABEL PAZOS GUITARRA"

18.07.2009 - 18.07.2009

VIA STELLAE. IV FESTIVAL DE MÚSICA DE COMPOSTELA E OS SEUS CAMIÑOS.

SÁBADO 18 DE XULLO

LUGAR: IGREXA DE SANTA MARIA

HORA: 20:30 ENTRADA LIBRE

VIA STELLAE 2009

IV FESTIVAL DE MÚSICA DE COMPOSTELA E OS SEUS CAMIÑOS
xullo 2009

Promove e organiza:
S.A de Xestión do Plan Xacobeo
Consellería de Cultura e Turismo (Xunta de Galicia)

Colabora:
Concello de Vilalba

Concerto do Via Stellae 2009 en Vilalba:
Rubén Abel Pazos fai un repaso aos grandes mestres españois da guitarra e lémbranos a inmortalidade de Bach

Na súa cuarta edición, o Festival Via Stellae que promove a S. A. de Xestión do Plan Xacobeo da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia volve a organizar, coa colaboración do Concello de Vilalba, un concerto nesta vila do Camiño Norte.

A guitarra é un instrumento moi popular, e unha das causas é a súa gran versatilidade; é un instrumento utilizado tanto na música culta como, case sen excepción, en todos os xéneros musicais que a un se lle podan vir á memoria. Baixo o título “Estéticas en seis cordas” –as que habitualmente ten a guitarra–, o programa que o galego Rubén Abel Pazos interpreta a Vilalba (Igrexa de Santa María) o sábado 18 de xullo inclúe obras de tres autores españois de distintas épocas, como Sor (primeiro tercio do século XIX), Tárrega (segunda metade do XIX) e Rodrigo (século XX), e do gran mestre barroco Bach. Precisamente de Johann Sebastian Bach escoitaremos a transcrición para guitarra da súa Primeira suite para laúde: a suite é unha colección de danzas que gozou dunha gran difusión no Barroco e Bach deixou boa mostra do seu xenio neste xénero ao que recurriu á hora de escribir para orquestra e tamén para instrumentos solistas como o violoncello, o clave ou o laúde. Unha proba da difusión destas suites para laúde é a frecuencia coa que os guitarristas as inclúen nos seus recitais adaptadas para o seu máis moderno instrumento.

A selección de compositores españois do programa amosa a variedade evolución estilística da literatura para guitarra no país berce deste instrumento que mundialmente se coñece guitarra española. O barcelonés Fernando Sor desenvolveu unha carreira de gran éxito como compositor, intérprete e profesor: autor de infinidade de obras para guitarra, a súa Fantasía elexíaca é unha peza de carácter triste que dedicou á súa alumna favorita. Francisco Tárrega e Joaquín Rodrigo teñen en común o extraordinario mérito de sobrepoñerse aos seus déficits visuais (a cegueira completa no caso de Rodrigo) e desenvolveron carreiras de extaordinario mérito. O castellonés Francisco Tárrega, concertista de guitarra e compositor, volcou case toda a súa atención no seu instrumento (con máis de 200 obras no seu catálogo) e nalgunhas ocasións inspirouse en obras doutros compositores (unha práctica habitual na época) como é o caso da Fantasía sobre motivos da Traviata (a célebre ópera de Verdi) que interpretará Rubén Abel Pazos. O concerto remata con Joaquín Rodrigo, o compositor de Sagunto que probablemente é, co permiso de Falla, o compositor español máis famoso en todo o mundo grazas ao seu Concerto de Aranxuez. Pero o seu catálogo inclúe obras mestras como as Tres pezas españolas para guitarra, composición de inspiración popular que inclúe tres danzas tan típicas do folclore hispano como o fandango, o pasarrúa e o zapateado.

O estradense Rubén Abel Pazos realizou os seus estudos superiores de guitarra en Santiago de Compostela. Ao tempo que realizaba cursos de perfeccionamento, foi premiado en diferentes concursos internacionais e festivais (entre os que destacan o de Novos Intérpretes de Xuventudes Musicais de España, o de Cantabria, o Concurso César Aira de León ou, en Italia, o de Moisycos). Realizou ademais cursos de posgrao no Mozarteum de Salzburgo e actuou xa en numerosos países como Francia, Italia, Xapón, Rusia, Tailanda, etc.

RUBÉN ABEL PAZOS guitarra

Estéticas en seis cordas

obras de Bach, Sor, Tárrega e Rodrigo

Camiño Norte

VILALBA

Igrexa de Santa María
sábado 18 de xullo de 2009
20:30
ENTRADA LIBRE até completar o aforo do local

 
Consellería de Innovación e Industria Icono de conformidade co Nivel Doble-A, das Directrices de Accesibilidade para o Contido Web 1.0 do W3C-WAI

Oficina de Turismo de Vilalba - turismo@vilalba.org RSS
Rúa Domingo Goás - 27800 - Vilalba (Lugo)
Tel.: 982 511 383