español galego english

Turismo Vilalba

Portada Contacto Mapa web

atrás Axenda  

Concerto Brath + María do Ceo. Xacobeo Raíces

17.04.2010 - 17.04.2010

O vindeiro sábado 17 de abril do 2010 ás 20.30h teremos o concerto de Brath + María do Ceo no Auditorio Carmen Estévez, actuación que se engloba na programación do Xacobeo Raíces.


As entradas estarán a venta a partir do luns 12 na oficina de cultura de 10.00h a 15.00h e no auditorio de 18.00h a 21.00h, contando cun prezo de 3€ .

Brath

O compositor, voz e batería de Brath, Eloi Caldeiro fundou xa no 1976 o primeiro grupo galego de rock “TEBRAS”, mesturando a gaita coa guitarra eléctrica e creando un son pioneiro para a futura música galega. Brath xorde da unión de Caldeiro con outros músicos en 1980, creando inicialmente temas instrumentais aos que no 1999 se lles engadiría a voz. Caldeiro fixo incursións noutros campos como a poesía ou mesmo a radio, onde presentou un dos programas de Radio Ondas Galicia, que acadou o “Premio Galicia de Xornalismo” polo mellor programa musical, ademais de acabar creando a súa propia compañía discográfica, SONS GALIZA, no 1988. Despois de 30 anos, Brath converteuse nun dos grupos máis representativos da escena galega e nun referente para os músicos actuais.

María do Ceo

A identidade cultural luso- galaica queda debuxada na voz e nos fados de María do Ceo, que envolven ó seu público nunha atmosfera máxica, chea de paixón, dozura e beleza. Sinalada como unha das embaixadoras da cultura galega, e digna sucesora da fadista portuguesa Amalia Rodrigues, María do Ceo abriulle as portas de Europa ó fado cantado en lingua galega. A fadista ten participado de numerosos festivais fóra de Galicia como o Intercéltico de Loriant ou o Homenaxe á propia Amalia Rodrigues no Coliseo de Lisboa, ademais das súas xiras por Alemaña, Italia ou Portugal.

 
Consellería de Innovación e Industria Icono de conformidade co Nivel Doble-A, das Directrices de Accesibilidade para o Contido Web 1.0 do W3C-WAI

Oficina de Turismo de Vilalba - turismo@vilalba.org RSS
Rúa Domingo Goás - 27800 - Vilalba (Lugo)
Tel.: 982 511 383