español galego english

Turismo Vilalba

Portada Contacto Mapa web

atrás Descubre Vilalba  Patrimonio natural  Charca do Alligal  

No medio de fragas e chousas de bidueiros atópase a Charca do Alligal, fonte de augas medicinais. A primeira piscina data do ano 1930, construída en pedra e cunhas dimensións moito máis reducidas que as actuais. Hogano é unha balsa circular de formigón, duns 30 metros de diámetro. Do seu chan de area abrollan diferentes ollos do manancial, perceptibles polas gurgullas que se ven ascender.

As augas son bicarbonatado-cálcicas e de moi feble mineralización. No que se refire ao caudal, achégase aos 1.200 litros/minuto, e respecto da temperatura, alcanza os 23 ºC. Por estas características, as augas do Alligal son consideradas medicinais, polo que a ela acoden doentes con problemas reumáticos (artrose, artrite, tendinite,...) e para padecementos crónicos da pel (psoríase, dermatite atópica, eccema,...)

Aínda que acode xente todo o ano, sobre todo nas fins de semana, o punto álxido de afluencia sitúase no verán, convertendo á charca na fonte mineiro-medicinal sen balneario máis concorrida de Galicia.

Spa

Dende xullo do 2006 podemos atopar nas inmediacións deste espazo natural un vangardista hotel-spa que adica máis de 2100 m2 á cultura da auga. Nun futuro está previsto que se converta nun balneario xa que conta con poder servirse das augas mineiromediciñais da Charca do Alligal.

Cómo chegar

A Charca atópase na parroquia de Codesido, lindando coa de Santaballa. Saíndo de Vilalba pola LU-861 cara Ferrol, deixando atrás o río Madalena e a praia fluvial, atópase á esquerda o cruce de Codesido (8km aprox.). A un quilómetro e medio do cruce, está a charca.

 
Consellería de Innovación e Industria Icono de conformidade co Nivel Doble-A, das Directrices de Accesibilidade para o Contido Web 1.0 do W3C-WAI

Oficina de Turismo de Vilalba - turismo@vilalba.org RSS
Rúa Domingo Goás - 27800 - Vilalba (Lugo)
Tel.: 982 511 383