español galego english

Turismo Vilalba

Portada Contacto Mapa web

atrás Descubre Vilalba  Rutas  Camiño Norte a Santiago  

A ruta do Camiño de Santiago que transcorre polo concello de Vilalba divídese en dous tramos duns 20 quilómetros cada un, permitíndolle ao visitante aunar o deporte co goce da riqueza cultural e paisaxística destas terras.

Tramo Abadín - Vilalba (20,2 quilómetros)

O primeiro dos tramos dá comezo en Abadín, a porta da Terra Chá e un senlleiro espazo natural presidido pola invernía altitude do Cadramón, un dos cumios máis setentrionais de Galicia. A etapa iníciase tomando unha pista á saída da localidade, que xurde a man dereita en suave descenso. Este primeiro treito pódese compartir coas xentes do lugar, xa que conduce cara á igrexa parroquial románica de Santa María de Abadín, que data do século XII.

O Abadín é o primeiro dos ríos que se poden atopar no camiño, onde se sitúa a primeira ponte a cruzar. A ruta conduce seguidamente á ponte vella de Martiñán, que permite pasar á outra beira do río Batán. A calzada é o elemento diferenciador deste recurso arquitectónico, limitado por un peitoril de pedra de granito como chantas encaixadas na plataforma da ponte, o que a converte nunha obra única, difícil de atopar noutros lugares de Galicia.

O camiño transcorre despois en liña recta, e todo o tempo moi próximo e en paralelo á estrada N-634, á que cruza en varias ocasións. Un punto de interese a visitar neste traxecto é a igrexa de Goiriz, templo levantado no século XVI e reformado no XVIII. Antigamente, utilizouse como refuxio dos infractores da xustiza, que non podían ser detidos polas autoridades no seu interior, a pesares de que despois fosen obxecto de xuízo e cadea. No seu interior atópase o retablo de factura barroca e ao pé dela sitúase o cemiterio neogótico, construído polos canteiros da veciña parroquia de Román.

Seguindo cara Vilalba, xusto no desvío que leva ao polígono industrial, sitúase o albergue de peregrinos, a uns dous quilómetros do centro urbano, onde remata o primeiro tramo do Camiño de Santiago por terras vilalbesas.

Tramo Vilalba – Baamonde (21 quilómetros)

A xornada iníciase percorrendo as rúas de Vilalba, onde a torre defensiva dos Condes de Andrade e a igrexa de Santa María son as referencias de partida da vila.
Muíño do Rañego

Muíño do Rañego

O casco histórico está presidido pola Porta da Cima, denominada así en alusión a unha das entradas da muralla que cercaba o núcleo urbano nos tempos en que se situaba baixo os señoríos dos Montenegro e dos Andrade. A baixada pola rúa do Sol permite contemplar antigas casas con fachadas tipicamente vilegas, como a do antigo casino, hogano reconvertido en mesón.

A saída da vila tómase polas rúas Concepción Arenal e Ferreira na busca do río Madalena, e, antes de comezar a baixada camiño de Baamonde, cumpre visitar as pontes e muíños da zona. En Alba a parada sitúase na súa igrexa e cemiterio, mostra do estilo neogótico. A partir deste lugar, a estrada nacional convértese en referencia, xa que haberá que cruzala en varias ocasións antes de chegar a Ferreira.

Unha vez pasado este núcleo, algúns espazos cóbrense pola N-634, que se alterna con algún que outro sendeiro, ata que se accede á localidade de Baamonde, onde se localiza o final da xornada. Nesta vila é posible pasar a noite no albergue habilitado para tal fin.

 
Consellería de Innovación e Industria Icono de conformidade co Nivel Doble-A, das Directrices de Accesibilidade para o Contido Web 1.0 do W3C-WAI

Oficina de Turismo de Vilalba - turismo@vilalba.org RSS
Rúa Domingo Goás - 27800 - Vilalba (Lugo)
Tel.: 982 511 383