español galego english

Turismo Vilalba

Portada Contacto Mapa web

atrás Descubre Vilalba  Rutas  Ruta do Monseivane  

Ruta polos montes das parroquias de San Simón e Vilapedre, con visita ás queixerías artesanais da zona e vistas da comarca desde o monte Monseivane, onde se combina o coche coas camiñadas.

Comezo da ruta: a parroquia de Lanzós

A ruta iníciase na parroquia de Lanzós, a uns cinco quilómetros de Vilalba, famosa pola sona dos seus capóns. O castro de Lanzós (ou “castro do Adro”) é a primeira opción de visita e unha boa oportunidade para achegarse a un asentamento celta típico da comarca. Con 4.300 metros cadrados de extensión, conta cun só muro defensivo totalmente conservado e cunha fonte no seu centro.

Unha mostra das “escolas habaneras” é a segunda opción de visita nesta parroquia. O edificio foi construído nas primeiras décadas do século XX por iniciativa dos veciños da zona que emigraran a Cuba e promovido pola sociedade “El progreso de Lanzós”. A construción conta coa peculiaridade dun reloxo de torre na súa fachada principal, outorgándolle unha grande vistosidade.

Ao seu carón sitúase a igrexa parroquial, a terceira opción de visita do lugar. O templo conta cunha torre pegada ao corpo central, característica típica das igrexas da comarca. Diversas árbores ornamentaisde grandes dimensións combinadas conoutras prantas de menor tamaño situadas no contorno do santuario son outros dos elementos diferenciadores do monumento.

Deixando atrás Lanzós e collendo a vía que conduce a San Simón e a Muras, atópase á beira da estrada a capela de San Andrés, de gran sona entre a veciñanza, á que se acode para pedir polos defuntos ao santo patrón. A construción constitúe a antesala da zona de elaboración do queixo de San Simón, á que se entra percorridos uns 300 metros. As queixerías do lugar aínda conservan o ritmo de fabricación artesanal e nelas pódese adquirir mostras deste típico produto.

Pola Serra da Carba cara ao Valado e Campomaior

Os parques eólicos situados na parroquia de Vilapedre, na Serra da Carba, é a seguinte parada da ruta, que continúa cara o Valado, onde se atopa a igrexa parroquial de San Simón da Costa, considerada a “catedral” da Terra Chá polas súas dimensións. O lugar conta tamén cunha “escola habanera” acabada de restaurar e varias instalacións de fabricación artesanal de queixo dignas de visitar.

Deixando atrás O Valado, a tres quilómetros, atópase a capela de San Xián, pertencente á parroquia de Samarugo. Neste punto, facendo un pequeno desvío, pódese visitar a igrexa e o pazo desta parroquia, este último coñecido na Terra Chá porque os seus señores dispoñían de dereito de “soga e coitelo” sobre os seus vasalos, é dicir, lles perdoaban ou lles quitaban a vida sen que mediase outro xuízo que a súa palabra.

De novo na capela de San Xián, a uns 800 metros, está o lugar de Campomaior, onde existe unha elevada densidade de construcións en comparación cos asentamentos de montaña típicos da comarca.

Ascenso ao Monseivane

A continuación chégase ao lugar de Cornas, punto onde deixar o coche e iniciar a ascensión ao monte Monseivane, unha subida de 929 metros sobre o nivel do mar.

O traxecto transcorre entre a contemplación do gando pacendo en liberdade (cabalos e vacas salvaxes, cervos) e da importante masa forestal de piñeiro bravo prantado arredor do 1940.

Na metade do percorrido existe unha pequena área de descanso, onde facer un breve alto antes de iniciar o tramo final da ascensión.

A camiñada serve ademais para divisar toda a planicie que forma a Terra Chá, posto que o Monseivane constitúese como un auténtico mirador natural. De feito, é posible sinalar as vilas máis importantes da comarca, como Vilalba, Feira do Monte ou Muimenta.

 
Consellería de Innovación e Industria Icono de conformidade co Nivel Doble-A, das Directrices de Accesibilidade para o Contido Web 1.0 do W3C-WAI

Oficina de Turismo de Vilalba - turismo@vilalba.org RSS
Rúa Domingo Goás - 27800 - Vilalba (Lugo)
Tel.: 982 511 383