español galego english

Turismo Vilalba

Portada Contacto Mapa web

atrás Descubre Vilalba  Patrimonio cultural  Un percorrido pola arquitectura relixiosa  


A pegada da arquitectura relixiosa no Concello de Vilalba é notoria, sometida en moitos casos ao devir do tempo, que foi deixando numerosos cambios nos diferentes edificios espallados pola xeografía vilalbesa.

De Vilalba a Codesido

Igrexa parroquial Santa María de Vilalba

Igrexa parroquial Santa María de Vilalba


Comezamos o percorrido na capital do municipio, onde atopamos a igrexa parroquial de Santa María, sita na praza do mesmo nome. O actual edificio ven a substituir o antigo templo de trazado románico. Levantada na segunda metade do século XIX, débese a súa reconstrución a Manuel Mato Vizoso segundo el a coñeceu sendo neno.

Cara o sur, seguindo a estrada que leva a Lugo e unha vez cruzado o río Fabilos, chegamos á igrexa parroquial de Noche, en advocación a San Martiño. Trátase dun templo de arquitectura moderna, pero que conserva unha cruz de plata de finais do século XVII.

Rumbo oeste atopamos a veciña parroquia de Oleiros, onde se sitúa o templo parroquial que rende culto a San Mamede. A igrexa data so século XVII e no seu interior atopamos un retablo barroco e varios neoclasicos.

Igrexa parroquial San Cosme de Nete

Igrexa parroquial San Cosme de Nete


Lindando ao sur está Nete, parroquia que posúe unha igrexa en advocación a San Cosme. O templo data do século XVII, con planta en forma de cruz latina e campanario de dobre vano, ao que se accede polo interior da parede a través dunha escaleira de caracol.

Na veciña parroquia de Ladra, a igrexa parroquial de San Salvador conserva no seu interior retablos de estilo salomónico e neoclasicistas. Un pouco máis ao oeste, na parroquia da Torre, sitúase a capela de San Nicolás, sita nas inmediacións do castro que lle dá nome. A ermida foi asentada sobre unha pena de catro metros, polo que o acceso a ela faise a través dunhas escaleiras.

Dirección noroeste chegamos á igrexa de San Martiño, na parroquia de Belesar. O templo, orixinario do 1608, garda no seu interior un retablo do século XIX.

Igrexa parroquial de Codesido

Igrexa parroquial de Codesido

Na parroquia limítrofe de Boizán visitamos a súa igrexa parroquial, construida no século XVI, aínda que con reformas posteriores. Na construción destacan varios canzorros xeométricos sitos no beirado, así como un pórtico cuberto pola parte sur da nave e un campanario con dous vanos na fronte.

Pola estrada de Momán e collendo en Portocelo a de Belesar, chegamos a , onde atopamos a igrexa parroquial de San Martiño. O templo custodia unha cruz procesional, un cáliz do século XVII e tallas do século XVII. O seu atrio data de 1889 aínda que foi reformado no 1923. Seguindo a mesma estrada de Momán, atopamos Codesido e o seu templo parroquial e, ao seu carón, o cemiterio onde destacan unhas curiosas inscricións.

De Goiriz a San Lourenzo de Árbol

Iniciamos a andaina na parroquia de Goiriz, a onde chegamos dende Vilalba pola estrada que vai a Mondoñedo. Alí visitamos o conxunto de igrexa parroquial e cemiterio, a primeira de estilo barroco rural, moi característico da comarca chairega. O segundo data de principios do século XX, onde pode observarse nos panteóns a mestría dos canteiros de Román, artesáns da pedra que souberon unir nestas construcións as tradicións barrocas en pequenas columnas cos remates neogóticos.
Igrexa de San Simón

Igrexa de San Simón

Rumbo noroeste avanzamos cara Lanzós, onde se sitúa a capela de San Andrés, de grande sona no lugar pola devoción dos veciños ao santo, ao que lle piden polos seus defuntos.

Máis ao norte, na parroquia de Vilapedre, atopamos nas súas terras a igrexa parroquial de San Mamede, construida no século XVI e que alberga retablos dos séculos XVII e XVIII.

Na veciña parroquia de San Simón da Costa sitúase o templo considerado “a catedral da Terra Chá” polas súas dimensións. Sito no lugar do Valado, a igrexa foi construida entre os anos 1802 e 1804 en substitución do antigo santuario que había no mesmo lugar.

O camiño de descenso lévanos a Samarugo, parroquia que posúe unha igrexa levantada en diferentes épocas: a nave data do século XII, a súa ampliación do XVI e a fachada principal do XVIII. No interior atópase o sepulcro do que foi señor de Samarugo, Antonio Pardo Osorio, soterrado no ano 1601, así como o retablo maior, da época moderna e procedente da catedral de Mondoñedo.

Lindando ao sur atópase Corvelle, cunha igrexa parroquial que rende culto a San Bartolomeu. O templo ten similar estilo arquitectónico ao de Santa María de Vilalba, con extenso e rico igrexario e boa casa reitoral.

Igrexa parroquial de Santa María de Carballido

Igrexa parroquial de Santa María de Carballido

Do outro lado da estrada a Mondoñedo sitúase a igrexa parroquial de Santa María de Carballido, construida entre os séculos XVII e XVIII e ampliada a principios do XX. Na porta de entrada pódese ler un cartel que reza “Iglesia de refugio, año 1773”. Destaca asemade o campanario separado do templo,
o atrio murado e unha pequena capela rectangular, hogano en desuso.

Para rematar o percorrido polas construcións relixiosas de Vilalba, visitamos o templo parroquial de San Lourenzo de Árbol, levantado no lugar de Espiñarido aló polo século XVIII. Destaca no seu atrio o cemiterio, con panteóns neogóticos de granito, típicos da Terra Chá.

 
Consellería de Innovación e Industria Icono de conformidade co Nivel Doble-A, das Directrices de Accesibilidade para o Contido Web 1.0 do W3C-WAI

Oficina de Turismo de Vilalba - turismo@vilalba.org RSS
Rúa Domingo Goás - 27800 - Vilalba (Lugo)
Tel.: 982 511 383