español galego english

Turismo Vilalba

Portada Contacto Mapa web

atrás Descubre Vilalba  Patrimonio cultural  O pasado señorial  

Torre dos Andrade

Torre dos Andrade

Se algo é coñecido en Vilalba, aparte dos capóns, é a Torre dos Andrade, hogano parador turístico e, dende o século XV, sempiterna testemuña do devir da vila. A actual construción é o resto que se conserva dun castelo sucesor doutra fortaleza de principios do século XIV, época do rei Fernando IV de Castela (1285-1312).

Destruída na Primeira Revolta Irmandiña en 1341, volveu a ser reconstruída aínda que derrubada de novo na Segunda Revolta Irmandiña (1467-1469). Rexurdiu sobre de seu outra vez no século XV, torre que chegou aos nosos días. Destaca na construción a súa forma octogonal, que se alonxa dos modelos existentes tanto en Galicia coma no norte de España.

Outro dos edificios da arquitectura civil a destacar na vila é a actual Casa da Cultura, levantada no 1842 como sede do Concello e cárcere do partido carlista.

Os pazos

Pazo de Meire (parroquia de Belesar)

Pazo de Meire (parroquia de Belesar)

A pegada señorial no municipio vilalbés atopámola tamén nos pazos zarrapicados por diferentes parroquias do concello, edificios actualmente de propiedade privada non visitables na súa maioría.

Ao sur da capital atopamos o pazo de Penas-Corveiras na parroquia de Sancovade, residencia antano do conde de Pallares; o pazo de Arán, en Ladra, que posúe unha capela do século XIX; o pazo de Meire, en Belesar, hogano adicado á cría de cabalos españois; e o pazo de Vilamartín, en Rioaveso, casa construída polos Sanjurjo-Montenegro e situado nun recinto murado presidido polo escudo da liñaxe.

Pazo de Samarugo

Pazo de Samarugo

Nas parroquias septentrionais achamos o pazo de Samarugo, na parroquia que lle dá nome, coñecido en toda a comarca porque os seus señores exercían o dereito de “soga e coitelo” sobre os seus vasalos, é dicir, lles perdoaban ou lles quitaban a vida sen que mediase outro xuízo que a súa palabra; os pazos de Bodán e Pude en San Simón da Costa, o primeiro antiga casa dos Sanjurjo e o segundo situado entre outras construcións e vivendas, caracterizado pola galería de madeira e a escalinata da fachada principal; e a Torre de Codesido, pazo que reflicte a maxestuosidade das construcións dos antigos señores da terra e que foi declarado ben de interese cultural pola Xunta.

Outras construcións


Noutra orde de elementos da arquitectura civil, atopamos en terras vilalbesas as Escolas Habaneras, das que destacamos a da parroquia de Lanzós. Trátase dunha construción promovida pola sociedade “El Progreso de Lanzós” e que foi levantada a principios do século XX por iniciativa dos veciños da zona emigrados a Cuba. O edificio ten na súa torre un reloxo
Ponte de Saá

Ponte de Saá

que lle confire gran vistosidade ao conxunto arquitectónico.

E sendo Vilalba unha zona fluvial, non podían faltar as pontes, destacando a ponte vella de Martiñán e a de Saá. A primeira é unha obra de enxeñería civil do século XVII pola que atravesar o río Batán. A calzada está limitada por un peitoril de granito en forma de chantos encaixados segundo a tradición dos vellos canteiros da comarca. A segunda permite cruzar o río Labrada e foi restaurada modernamente respectando o seu trazado medieval orixinal. A construción posúe dous arcos de medio punto e unha ducia de aliviadoiros, testemuñas das intensas choivas que se rexistran na zona en inverno.

 
Consellería de Innovación e Industria Icono de conformidade co Nivel Doble-A, das Directrices de Accesibilidade para o Contido Web 1.0 do W3C-WAI

Oficina de Turismo de Vilalba - turismo@vilalba.org RSS
Rúa Domingo Goás - 27800 - Vilalba (Lugo)
Tel.: 982 511 383