español galego english

Turismo Vilalba

Portada Contacto Mapa web

atrás Descubre Vilalba  Patrimonio cultural  A arquitectura popular  

Muíño do Rañego

Muíño do Rañego

Froito da tradición agrícola da comarca chairega e do cultivo de cereais en especial, xurden construcións da arquitectura popular tales como o muíño do Rañego, sito na beira do río Ladra e reconstruído recentemente, e o cabazo de Portocelo, situado na parroquia de Distriz.

Trátase este último dun celeiro de nova construción, de planta circular, paredes de mimbre e palla trenzada e cuberta cónica do mesmo material. O seu levantamento veu motivado polo obxectivo de recordar os cabazos (ou canastros) que se vían antano nesta zona da Terra Chá.

As cruces vilalbesas

Cruceiro de Lanzán (parroquia de Tardade)

Cruceiro de Lanzán (Tardade)

A cultura popular e a mestría dos canteiros da zona deixaron en Vilalba unha fonda pegada de cruceiros nos camiños e atrios do municipio.

Por riba de todos destaca o de Lanzán, sito na parroquia de Tardade, por ser unha das cruces máis decoradas de Galicia. Realizado en granito no ano 1906, na súa base conta con varios releves entre os que se pode observar a Santiago Matamouros e San Roque. O fuste, que porta os elementos da Paixón, ten ao seu pé unha figura do Ecce Homo. Xa no capitel aparecen dúas imaxes franqueando a Cristo crucificado e na parte superior móstrase o conxunto da Piedade.

No centro de Vilalba atopamos o cruceiro dos Catro Camiños, cruz de granito á que se honra todos os anos coa “Festa do Cristo”, celebración na que os veciños a decoran con flores. Data do 1874 e nel está a figura de Cristo no anverso e a da Dolorosa no reverso.

Zarrapicados polos atrios das distintas igrexas parroquiais e nalgún que outro cruce de camiños atopamos o resto de cruceiros vilalbeses, como o de Nete, Codesido, Gondaísque, Santaballa, Xoibán e San Simón. Este último destaca por ser unha das cruces máis antigas da zona, con data do 1793 tal e como consta na súa inscrición. Chama a atención na basa o altar ou pousadoiro de féretros e imaxes, utilizado antano para a celebración de misas no exterior.

 
Consellería de Innovación e Industria Icono de conformidade co Nivel Doble-A, das Directrices de Accesibilidade para o Contido Web 1.0 do W3C-WAI

Oficina de Turismo de Vilalba - turismo@vilalba.org RSS
Rúa Domingo Goás - 27800 - Vilalba (Lugo)
Tel.: 982 511 383