español galego english

Turismo Vilalba

Portada Contacto Mapa web

atrás Descubre Vilalba  Patrimonio cultural  A pegada da prehistoria  

Pena Grande

Pena Grande

Afondar no pasado de Vilalba supón facer unha viaxe no tempo ata a Prehistoria, época da que se conservan multitude de vestixios na zona. Lugares como os de Pena Grande ou do Carrizo, ambos na parroquia de Santaballa, son mostra de acubillos de pequenos grupos humanos dos tempos da Cova de Altamira, dende onde controlaban os pasos de animais na busca de pastos ou auga.

De finais do Neolítico contabilízanse en terras vilalbesas máis de 220 mámoas ou medoñas, monumentos funerarios dos primeiros agricultores que evidencian o respecto co que se realizaban os enterramentos. Unha mostra do megalistismo atopámola na parroquia de San Xoán de Alba coa Roza das Modias, o exemplo máis importante de gravado prehistórico no noroeste da península en forma de liñas onduladas. Sita no lugar de Muíño Pequeno, preto dun caserío, en medios dos campos da esquerda, será visible o túmulo, que se identifica por existir un árbol sobre del. Desde este punto tamén se contemplan outros seis monumentos que configuran a necrópole completa.

Pedrachantada (Santaballa)

Pedrachantada (Santaballa)

A Pedrachantada, en Santaballa, é outra das pegadas megalíticas do municipio. Trátase dun menhir situado no medio dunha necrópole composta por máis de vinte mámoas. A súa función posiblemente estea vencellada a un culto nas encrucilladas e camiños, polo que algúns autores considéranos os antergos máis lonxanos dos cruceiros.

Sen sair da parroquia topamos coa Medoña do Estelo, túmulo que contén unha cámara megalítica de grandes chantos de cuarcita. Forma parte dunha necrópole máis extensa que discorre ao carón do Camiño Real cara Viveiro.

Os castros

Os asentamentos castrexos tamén teñen presenza no municipio vilalbés, aldeas da Idade de Ferro que nalgúns casos foron romanizadas.

Castro de Nete: situado no lugar de Castro, atópase emprazado nun outeiro. A fortificación contaba con tres murallas das que só se conserva a norte.

Castro de Belesar: o poboamento emprazado sobre un couto presenta un dobre muro defensivo. É tamén coñecido como o de “Santa Catarina” por mor da capela que se construiu en adoración á santa sobre del e da que só se conserva unha parede.

Castro da Torre (ou de San Nicolás): ao carón da igrexa parroquial sitúase o castro de San Nicolás, que debe o seu nome á capela construída nas inmediacións do xacemento. A ermida foi asentada sobre unha pena de catro metros, polo que o acceso a ela faise a través dunhas escaleiras. No que se refire ao castro, é de planta circular, está situado sobre un outeiro e conta cun só muro defensivo.

Castro de Vixil (Boizán): no Alto de Vixil, lugar que ofrece unhas fermosas vistas da vila capital, é no que se sitúa este xacemento. De época prerromana e cun só muro defensivo, o antigo poboado fortificado aínda conserva restos de vivendas, lares e fornos.

Castro de Gondaísque (Castro Grande): situado nunha chaira irregular, é un xacemento que consta dun recinto principal, de forma circular con varios fosos e parapetos, e de dobre muralla defensiva. Presenta asemade restos dun amplo antecastro e dunha vila romana ao seu carón (Vilar de Eimil).

Castro de Gondaísque

Castro de Gondaísque

 
Consellería de Innovación e Industria Icono de conformidade co Nivel Doble-A, das Directrices de Accesibilidade para o Contido Web 1.0 do W3C-WAI

Oficina de Turismo de Vilalba - turismo@vilalba.org RSS
Rúa Domingo Goás - 27800 - Vilalba (Lugo)
Tel.: 982 511 383