español galego english

Turismo Vilalba

Portada Contacto Mapa web

atrás Descubre Vilalba  Rutas  As parroquias: de Sancovade a Xoibán  

Sancovade (Santiago)

Tomando a estrada dirección Lugo, a un quilómetro de Vilalba, atópase a parroquia de Sancovade, famosa polas súas cebadoras de capóns.

Nun percorrido polas súas terras, non se pode deixar de visitar a igrexa parroquial, con advocación ao Apóstolo Santiago, e a capela de Nosa Señora de Guadalupe, virxe á que cariñosamente se lle coñece como “a estremeña”.

Seguindo o paseo pola parroquia, podemos observar os vestixios da existencia dun castro no lugar da Frouxeira, que conserva no sur o dobre circuito defensivo. Dun pasado máis próximo é o Pazo de Penas-Corveiras, situado no lugar do mesmo nome, residencia antano do conde Pallares e hogano propiedade privada non visitable.

Noche (San Martiño)

Seguindo a estrada que leva a Lugo e unha vez cruzado o río Fabilos, chégase á parroquia de Noche, xa presente nun documento de 1128 referido a un reparto de igrexas por Afonso VII e noutro de 1282 referido a un convenio entre o concello de Vilaba e o mosteiro de Monfero.

Estas terras teñen por patrón a San Martiño, santo ao que se rende culto na igrexa parroquial. Trátase dun templo de arquitectura moderna, pero que conserva nas súas dependencias unha cruz de plata de finais do século XVII.

Continuando coa temática relixiosa, sen saír da demarcación da parroquia tamén podemos visitar a ermida de San Cibrán.

Oleiros (San Mamede)

Ao oeste de Noche atópase a parroquia de Oleiros, nome que honra aos fabricantes de olas da antiga fábrica de cerámica popular que se situaba na zona.

Posuidora de vestixios prehistóricos e romanos, é na Idade Media cando aparece mencionada en diversos documentos nos que se fai referencia á vila de San Mammes de Ollariis e ao couto de Oleiros.

O patrimonio cultural destas terras déixanos o templo parroquial, con advocación a San Mamede, que data do século XVII e no que atopamos un retablo barroco e varios de estilo neoclásico.

Nete (San Cosme)

Tomando rumbo suroeste atopamos a parroquia de Nete, onde podemos visitar a igrexa parroquial adicada ao culto a San Cosme. O templo data do século XVII e posúe unha planta en cruz latina así como un campanario de dobre vano, ao que se accede a través dunha escaleira de caracol polo interior da parede. No seu atrio atopamos un cruceiro no que destaca, na súa parte inferior, unha tosca figura de Cristo no episodio da flaxelación.

O paseo por Nete continúa achegándose ao castro que leva o nome da parroquia, situado no lugar de Castro. Emprazado nun outeiro, a fortificación contaba con tres murallas das que só se conserva a norte.

O final da visita á parroquia terá lugar en Legua Dereita, zona onde se sitúan innumerables mámoas.

Xoibán (San Salvador)

Para visitar Xoibán e o seu patrimonio cultural hai que saír do municipio vilalbés e, rumbo a Lugo, desprazarse ata a zona encravada entre os concellos de Begonte e Cospeito e o marco dos Catro Señores de Fontefría, punto que une a parroquia con Vilalba.

A visita a Xoibán implica percorrer as capelas de Rúa e San Paio así como a igrexa parroquial, que ten no seu atrio un cruceiro construido no ano 1900. O capitel está decorado con cabezas de anxos alados e o fuste cos atributos da Paixón.

A presenza palaciana na zona está representada na casa de Montenegro.

 
Consellería de Innovación e Industria Icono de conformidade co Nivel Doble-A, das Directrices de Accesibilidade para o Contido Web 1.0 do W3C-WAI

Oficina de Turismo de Vilalba - turismo@vilalba.org RSS
Rúa Domingo Goás - 27800 - Vilalba (Lugo)
Tel.: 982 511 383