español galego english

Turismo Vilalba

Portada Contacto Mapa web

atrás Descubre Vilalba  Rutas  Percorrido polo centro histórico de Vilalba  

A Pravia

A Pravia

Que mellor para remontarse aos tempos dos señores feudais que un paseo polo casco histórico de Vilalba, onde cada unha das pedras alí depositadas nos falan dun esplendoroso pasado que se remonta ao século VI.

Para comezar o percorrido polas súas rúas situarémonos na Praza de Suso Gaioso, presidida pola Pravia, un centenario pradario que nos dá a benvida á vila.

No lugar tamén atopamos a Fonte da Carretera, moi apreciada polos lugareños, e a Casa da Cultura, antigo edificio do concello.

Preto desta praza levántase a antiga Torre da Homenaxe do castelo dos Andrade, orixinaria do século XI pero reedificada en varias ocasións tralas revoltas Irmandiñas no século XIV. De planta octogonal e 40 metros de altura, está dividida en catro andares e está coroada con ameas. Conta asemade con varias seteiras, unha porta con arco no segundo andar e un gran xabarín de pedra na súa cima, emblema dos Andrade. Hogano funciona como Parador Nacional de Turismo.

Dentro das antigas murallas

Capela de San Roque

Capela de San Roque

Non moi lonxe, chegamos á Porta da Cima, lugar onde se atopaba unha das entradas da antiga muralla. Seguimos ata a praza de Santa María para dar coa igrexa parroquial, en advocación á Nosa Señora e de interesante feitura que data dos séculos XVII e XVIII.

Continuamos o percorrido pola rúa do Sol, espazo onde aparecen as casas máis antigas do núcleo, con fachadas tipicamente vilegas, ata chegar aos restos da muralla romana no fondo da rúa.

A praza da Constitución, o entorno do Auditorio e as capelas de San Roque e de Nosa Señora de Guadalupe son outros dos recursos cos que completar o percorrido por unha vila na que, dos tempos feudais, segue presente parte da historia reflectida nos seus típicos capóns, unha das máis preciadas rendas coas que había que pagarlle aos señores.

 
Consellería de Innovación e Industria Icono de conformidade co Nivel Doble-A, das Directrices de Accesibilidade para o Contido Web 1.0 do W3C-WAI

Oficina de Turismo de Vilalba - turismo@vilalba.org RSS
Rúa Domingo Goás - 27800 - Vilalba (Lugo)
Tel.: 982 511 383