español galego english

Turismo Vilalba

Portada Contacto Mapa web

atrás Descubre Vilalba  Rutas  As parroquias II: de Ladra a Boizán  

Ladra (San Salvador)

Despois do desvío a Xoibán, volvemos a subir en dirección Vilalba e no camiño atopamos Ladra, parroquia situada á marxe esquerda do río que lle dá nome.

Os pazos dos Castros-Pita e de Arán, con capela do século XIX, son unha mostra do pasado señorial da zona.

A visita pode proseguir pola capela de Picouro e polo templo parroquial, en advocación a San Salvador, que conserva no seu interior retablos de estilo salomónico e neoclasicistas.

Dende a igrexa, xirando á esquerda ata chegar ao lugar de Aguiar, e de ahí de novo á esquerda, podemos rematar o paseo por Ladra no castro que leva o seu nome. De planta ovalada e cun só muro defensivo, nel apareceron restos que evidencian a súa posterior romanización.

Insua (San Bartolomeu)

Ao oeste de Ladra, entre os ríos Ladra e Labrada, está Insua, que lle debe o seu nome ás pequenas illas fluviais que se atopan na zona.

A visita pola parroquia comprende a igrexa parroquial, en advocación a San Bartolomeu, e a capela de San Ramón, sita no monte Louseiras.

O paseo por Insua conclúe na saída oeste, onde se atopa a ponte de Saa, que nos permite atravesar o río Labrada. Restaurada modernamente respectando o seu trazado medieval orixinal, a construción posúe dous arcos de medio punto e unha ducia de aliviadoiros, que testemuñan as intensas choivas que se rexistran na zona en inverno.

Soaxe (Santa María)

Unha vez atravesado o río Labrada e seguindo pola Cardosa, chegamos a Soaxe, a parroquia máis illada do Concello de Vilalba.

Emprazada entre Pígara e Belesar, trátase dunha terra recollida e montañosa, dentro da suavidade das lombas da Terra Chá, e con poucos habitantes nos seus lugares das Casas Novas, Gaian e A Igrexia.

A visita ao lugar pasa pola entrada ao templo parroquial, que rende culto á Santa María.

Belesar (San Martiño)

Cara o norte, na marxe esquerda do río Labrada, entramos na parroquia de Belesar, a máis extensa do territorio vilalbés.

A visita polo lugar lévanos ao Pazo de Meire, hogano adicado á cría de cabalos españois, e á igrexa parroquial, templo orixinario do 1608 que garda no interior un retablo do século XIX.

O paseo por Belesar pode continuar pola beira do río Labrada, onde poder admirar as pontes diseminadas ao longo da súa canle: Pedrouzos, Das Baionas, Gondeboi, Pazos e Meire. Esta última vainos servir de referencia para rematar a viaxe pola parroquia no castro de Belesar, ao que se accede pola forte pendente que podemos divisar dende esta ponte.

O poboamento, emprazado sobre un couto, presenta un dobre muro defensivo. É tamén coñecido como o de “Santa Catarina”, a causa dunha capela en adoración á santa que se construíu sobre el e da que só se conserva unha parede.

Torre, A (Santa María)

Por Pedrouzos accedemos á parroquia da Torre, onde o templo parroquial presenta advocación á Santa María.

A visita polo lugar lévanos ao carón da igrexa, onde se sitúa o castro de San Nicolás, que debe o seu nome á capela construída nas inmediacións deste xacemento. A ermida foi asentada sobre unha pena duns catro metros, polo que o acceso a ela faise a través dunhas escaleiras. No que se refire ao castro, é de planta circular, está situado sobre un outeiro e conta cun só muro defensivo.

Alba (San Xoán)

Un pouco máis arriba, en dirección Vilalba, chegamos a San Xoán de Alba, parroquia na que se sitúa a Roza das Modias, o exemplo máis importante de gravado prehistórico no noroeste da península.

Sito no lugar de Muíño Pequeno, preto dun caserío, en medio dos campos da esquerda será visible o túmulo, que se identifica por existir unha árbore sobre del. Desde este tamén se contemplan outros seis monumentos que configuran a necrópole completa.

O elemento máis destacable da Roza das Modias son os gravados que decoran as pedras da cámara, en forma de liñas verticais onduladas.

Boizán (Santiago)

Polo desvío que hai sinalizado á esquerda a dous quilómetros de Vilalba, en dirección Coruña pola estrada N-634, chégase á parroquia de Boizán.

A zona é coñecida polo Alto de Vixil, lugar que ofrece unhas fermosas vistas da vila capital e no que se sitúa o castro do mesmo nome. De época prerromana e cun só muro defensivo, o antigo poboado fortificado aínda conserva restos de vivendas, lares e fornos.

En Boizán tamén se pode visitar a capela das Neves, próxima ao castro, e a igrexa parroquial, que rende culto ao Apóstolo Santiago. Do século XVI, aínda que con reformas posteriores, na construción destacan varios canzorros xeométricos sitos no beirado, un pórtico cuberto pola parte sur da nave e un campanario con dous vanos na fronte.

 
Consellería de Innovación e Industria Icono de conformidade co Nivel Doble-A, das Directrices de Accesibilidade para o Contido Web 1.0 do W3C-WAI

Oficina de Turismo de Vilalba - turismo@vilalba.org RSS
Rúa Domingo Goás - 27800 - Vilalba (Lugo)
Tel.: 982 511 383