español galego english

Turismo Vilalba

Portada Contacto Mapa web

atrás Descubre Vilalba  Rutas  As parroquias III: de Mourence a Santaballa  

Mourence (San Xiao)

Baixando de Boizán pola empinada ladeira do río Trimaz chegamos á parroquia de Mourence, na que atopamos unha nova mostra de arquitectura relixiosa na súa igrexa, construída no século XVIII e con advocación a San Xiao.

Situada entre os ríos Madalena e Trimaz, o paseo pola zona pode completarse coa visita ás pontes Rodríguez e dos Novos, esta última sita no lugar do Rañego.

Ao valor arquitectónico de ámbalas dúas construcións súmaselle pois a condición de paso cuasi obrigado pola situación da parroquia entre dúas canles fluviais.

Gondaísque (Santa María)

Cruzando o río Trimaz pola ponte do mesmo nome chégase á veciña parroquia de Gondaísque, onde visitar a igrexa parroquial que rende culto á Nosa Señora e, xa no seu atrio, un cruceiro elaborado en granito que, segundo unha inscrición na súa basa, data do 1898.

Continuando o percorrido pola zona, atópase o Castro de Gondaísque, tamén coñecido como “Castro Grande”, situado nunha chaira irregular. É un xacemento que consta dun recinto principal, de forma circular con varios fosos e parapetos, e de dobre muralla defensiva. Presenta asemade restos dun amplo antecastro e dunha vila romana ao seu carón (Vilar de Eimil).

Distriz (San Martiño)

Seguindo pola estrada de Momán e collendo en Portocelo a de Belesar, chegamos a Distriz, onde visitar a igrexa parroquial que rinde culto a San Martiño. O templo custodia unha cruz pocesional, un cáliz do século XVII e tallas do século XVIII. No seu atrio, que data de 1889 aínda que foi reformado no 1923, atopamos un cruceiro asentado nunha plataforma de catro chanzos cuadrangulares.

O paseo por Distriz complétase coa visita no lugar de Fontechousa a outro cruceiro, de similares características ao sito no atrio da igrexa, e no lugar de Portocelo ao cabazo que leva o seu nome. Trátase dun celeiro de recente construción, de planta circular, paredes de mimbre e palla trenzada e cuberta cónica do mesmo material, nado con obxectivo de recordar os cabazos (ou canastros) que se vían antano na zona.

Tardade (Santa María)

Saíndo de Distriz cara o noroeste chegamos a Tardade, parroquia asentada nun arco do río Trimaz. O paseo pola zona implica a visita ao cruceiro de Lanzán, un dos máis decorados de Galicia. Realizado en granito no ano 1906, na súa base conta con varios releves entre os que destacan Santiago Matamouros e San Roque. O fuste, que porta os elementos da Paixón, ten ao seu pé unha figura do Ecce Homo. Xa no capitel, aparecen dúas imaxes franqueando a Cristo crucificado e na parte posterior móstrase o conxunto da Piedade.

Na parroquia existen asemade outras dúas mostras deste tipo de arquitectura popular: o de Xurbal, cunha cruz de tosca factura, e o situado no atrio da igrexa parroquial, construído no 1898.

Codesido (San Martiño)

De novo pola estrada de Momán chegamos á inmediata parroquia de San Martiño de Codesido, onde a igrexa parroquial e o cemiterio (que conta cunhas curiosas inscricións) atópanse situados sobre un antigo castro. Trátase dun xacemento de forma ovalada que conta cun único recinto e unha liña defensiva.

No atrio deste templo atopamos un cruceiro con data de 1882, que xunto co dos Remedios, tamén de finais do século XIX, conforman as mostras de arquitectura popular da zona.

O paseo pola parroquia pode rematar achegándonos á Torre de Codesido, pazo sito no lugar da Torre que reflicte a maxestuosidade das construcións dos antigos señores da terra. Trátase dun ben declarado de interese cultural pola Xunta, polo que goza dunha proteción especial.

Santaballa (San Pedro)

Deixando atrás a Charca do Alligal entramos na parroquia de Santaballa, que, a pesar do que suxire o seu nome (Santa Baia), ten por patrón a San Pedro, xa que no pasado depositouse na igrexa parroquial unha talla deste santo procedente da veciña parroquia de Lanzós con motivo dun xuízo de profanación.

Ao carón deste templo atópase un cruceiro no que destaca a cruz, de grandes dimensións. Xunto a ermida de Santiago de Bordelle atópamos outro, realizado polo obradoiro dos Carbeira, da parroquia de Román.

Pero se algo destaca en Santaballa son os vestixios paleolíticos que se espallan polo seu territorio, como o menhir denominado Pedrachantada. Situado no medio dunha necrópole megalítica composta por máis de vinte mámoas, a súa función posiblemente estea vencellada a un culto nas encrucilladas e camiños, polo que algúns autores considéranos os antergos máis lonxanos dos cruceiros.

Pena Grande é o nome que recibe un acubillo do Paleolítio Superior, ao abeiro do cal desenvolveuse un asentamento de cazadores – recoletores dos tempos da Cova de Altamira.

A visita polo pasado máis lonxano en Santaballa remata na Medoña do Estelo, túmulo que contén unha cámara megalítica de grandes chantos de cuarcita. Forma parte dunha necrópole máis extensa que discorre ao carón do Camiño Real cara Viveiro.

 
Consellería de Innovación e Industria Icono de conformidade co Nivel Doble-A, das Directrices de Accesibilidade para o Contido Web 1.0 do W3C-WAI

Oficina de Turismo de Vilalba - turismo@vilalba.org RSS
Rúa Domingo Goás - 27800 - Vilalba (Lugo)
Tel.: 982 511 383