español galego english

Turismo Vilalba

Portada Contacto Mapa web

atrás Descubre Vilalba  Rutas  As parroquias IV: de Lanzós a Corvelle  

Lanzós (San Martiño e San Salvador)

Dende Santaballa en dirección este, pola estrada que pasa por Curbel e Trastoi, chegamos ás veciñas parroquias de Lanzós, diferenciadas polo santo ao que se lle rende culto nas respectivas igrexas parroquiais: San Martiño e San Salvador.

O paseo por Lanzós implica a visita á escola habanera do lugar. Promovida pola sociedade “El Progreso de Lanzós”, foi construida a principios do século XX por iniciativa dos veciños da zona emigrados a Cuba. A construción ten na súa torre un reloxo que lle confire gran vistosidade ao conxunto arquitectónico.

A ruta pola parroquia continuaría no castro de Lanzós, tamén denominado “castro do Adro”. O asentamento, situado nunha chaira irregular, ten un só muro defensivo, totalmente conservado, e unha fonte no medio.

Xa para rematar, na saída que leva a San Simón, atopámonos coa capela de San Andrés, de grande sona no lugar pola grande devoción dos veciños ao santo, ao que lle piden polos seus defuntos.

Vilapedre (San Mamede)

Deixando atrás Lanzós en dirección norte chegamos a Vilapedre, unha das parroquias máis montañosas do municipio vilalbés, que acada os 900 metros de altitude na Carba.

Nela podemos visitar a súa antiga igrexa parroquial, en advocación a San Mamede, que data do século XVI. No seu interior alberga retablos dos séculos XVII e XVIII. O paseo pola zona pode rematar achegándose ás capelas de San Salvador e Santo Estevo.

San Simón da Costa (San Simón)

Ao leste de Vilapedre atópase a parroquia de San Simón da Costa, a de máis altitude do concello de Vilalba co pico Monseivane (929 metros), dende o que domina toda a comarca chairega.

O templo parroquial, na honra de San Simón, sitúase no lugar do Valado e é considerado “a catedral da Terra Chá” polas súas dimensións. Foi construido entre os anos 1802-1804 en substitución á antiga igrexa que había no mesmo lugar.

No seu atrio atópase un dos cruceiros máis antigos da zona, con data do 1793 tal e como consta na súa inscrición. Destaca na basa o altar ou pousadoiro de féretros e imaxes, utilizado antano para a celebración de misas no exterior. Outra mostra deste tipo de arquitectura popular atopámola no lugar da Veiga, co cruceiro do mesmo nome.

A cultura señorial reflíctese na parroquia nos pazos de Bodán e Pude, o primeiro antiga casa dos Sanjurjo, con pastos e regadío nas inmediacións, e o segundo situado entre outras construcións e vivendas, cunha galería de madeira e unha escalinata na fachada principal.

De moito máis tempo atrás é o castro de San Simón da Costa, tamén coñecido como “castro de Vilarmaior”, onde se atoparon restos cerámicos e outros utensilios das épocas neolítica e paleolítica.

Como colofón ao percorrido pola parroquia, podemos visitar as queixerías artesanais que se espallan por todo o seu territorio, onde se elabora o singular queixo de San Simón, de forma cónica e tratado con fume de casca de bidueiro.

Samarugo (Santiago)

Baixando de San Simón bordeando o monte Monseivane pola cara sur, atopamos a parroquia de Samarugo, onde o seu señor na época medieval estivo vinculado á Revolta dos Irmandiños.

Este pasado señorial deixou na zona o pazo de Samarugo, coñecido en toda a comarca porque os seus señores exercían o dereito de “soga e coitelo” sobre os seus vasalos, é dicir, lles perdoaban ou lles quitaban a vida sen que mediase outro xuízo que a súa palabra.

Ao carón do pazo atópase a igrexa parroquial, con advocación a Santiago Apóstolo. O templo foi construido en diferentes épocas: a nave data do século XII, a súa ampliación do XVI e a fachada principal do XVIII. No interior atópase o sepulcro do que foi señor de Samarugo, Antonio Pardo Osorio, soterrado no ano 1601, así como o retablo maior moderno procedente da catedral de Mondoñedo.

Corvelle (San Bartolomeu)

Máis ao sur atópase Corvelle, parroquia pola que discurren as augas do río Támoga, moi vencellado ao devir da vila.

Nela podemos pararnos no seu templo parroquial, en advocación a San Bartolomeu, ao que se honra os días 21 e 22 de agosto coas festas patronais.

No que se refire á construción, ten similar estilo arquitectónico á de Santa María de Vilalba e conta cun extenso e rico igrexario e unha boa casa reitoral.

 
Consellería de Innovación e Industria Icono de conformidade co Nivel Doble-A, das Directrices de Accesibilidade para o Contido Web 1.0 do W3C-WAI

Oficina de Turismo de Vilalba - turismo@vilalba.org RSS
Rúa Domingo Goás - 27800 - Vilalba (Lugo)
Tel.: 982 511 383