español galego english

Turismo Vilalba

Portada Contacto Mapa web

atrás Descubre Vilalba  Rutas  As parroquias V: de Carballido a Goiriz  

Carballido (Santa María)

Dende Corvelle, cruzando a estrada que leva a Abadín, chegamos á parroquia de Carballido, onde cabe destacar o templo parroquial, na honra de Santa María, situado no lugar de Lindín.

A igrexa foi construida entre os séculos XVII e XVIII e ampliada a principios do XX. Na porta de entrada pódese ler un cartel que reza “Iglesia de refugio, año de 1773”. Destaca asemade o campanario separado do templo, o atrio murado e unha pequena capela rectangular, hogano en desuso.

O paseo por Carballido complétase coa visita ás capelas de San Francisco e San Roque.

Árbol (San Lourenzo)

Bordeando o cemiterio de Carballido pasamos á parroquia de San Lourenzo de Árbol, a máis oriental do municipio e onde se atopa o segundo núcleo poblacional do concello no Santo, cruce estratéxico de estradas.

O santo patrón acubíllase na igrexa parroquial, construida no século XVIII e situada no lugar de Espiñarido. Destaca no seu atrio o cemiterio, con pateóns neogóticos de granito, típicos da comarca chairega, e o cruceiro, con cruz de grandes dimensións coa figura da Virxe Inmaculada.

Para contemplar outra mostra da arquitectura popular, terémonos que desplazar ao lugar de Bereda, onde se atopa o cruceiro que leva o seu nome, realizado en granito e coa figura de Cristo no anverso.

Rioaveso (San Xurxo)

Collendo a estrada cara Vilalba no Santo e desviándonos á esquerda no Vilar de Orbasa, chegamos á parroquia de Rioaveso, onde se sitúan restos dun altar adicado a Mercurio e de establecementos rurais da época romana. A visita pode comezar pola igrexa parroquial, en advocación a San Xurxo.

Para continuar, trasladarémonos ao lugar de Vilamartín, onde atopamos o pazo do mesmo nome. Trátase dunha casa construida polos Sanjurjo Montenegro, sendo o dono no ano 1688 Juan Antonio Pardo Montenegro. O edificio atópase nun recinto murado presidido polo escudo da liñaxe.

Román (Santalla)

Ben pola estrada de Cartemil, ben polo Moscarán, accedemos á parroquia de Santalla de Román, célebre pola familia Carboeira, os canteiros artesáns dos cruceiros. Xeración tras xeración, foron os encargados de erguer a práctica totalidade das cruces de pedra situadas nas encrucilladas chairegas.

No propio atrio da igrexa parroquial de Román atopamos un destes cruceiros, realizado en granito coas figuras de Cristo e da Virxe na cruz.

Goiriz (Santiago)

Dende Román, e seguindo a estrada que vai cara á de Mondoñedo, chegamos á parroquia de Goiriz, lugar moi extenso que se caracteriza pola situación das casas de forma illada.

Próximo á escola habanera e á igrexa parroquial, que rende culto ao Apóstolo Santiago, sitúase o castro de Goiriz, o máis extenso de todo o concello: 20.700 metros cadrados. Conta con tres defensas e ten moi boa visibilidade.

O percorrido pola parroquia pode rematar na entrada este, onde se atopa a ponte vella de Martiñán, obra de enxeñería civil do século XVII pola que atravesar o río Batán. A calzada está limitada por un peitoril de granito en forma de chantos encaixados segundo as tradicións dos vellos canteiros da comarca.

 
Consellería de Innovación e Industria Icono de conformidade co Nivel Doble-A, das Directrices de Accesibilidade para o Contido Web 1.0 do W3C-WAI

Oficina de Turismo de Vilalba - turismo@vilalba.org RSS
Rúa Domingo Goás - 27800 - Vilalba (Lugo)
Tel.: 982 511 383