español galego english

Turismo Vilalba

Portada Contacto Mapa web

atrás Persoeiros  

Manuel Fraga Iribarne

Vilalbense nado o 23 de novembro de 1922. Presidente da Xunta de Galicia dende o 5 de febreiro de 1990 ata o 29 de xullo do 2005. Estudou dereito nas universidades de Santiago de Compostela e na Complutense de Madrid, e licenciouse en 1944.

Comeza a súa carreira política durante a ditadura franquista. En 1945, ingresa por oposición co número un da súa promoción no corpo de Letrados das Cortes Españolas. En 1947 ingresa, tamén co número un, na Escola Diplomática. Con vintecinco anos casa con Carmen Estévez Eguiagaray e acada a cátedra de Dereito Político na Universidade de Valencia.

En 1953 é catedrático de Teoría do estado e Dereito Constitucional da Facultade de Ciencias políticas e Económicas da Universidade Complutense de Madrid. En 1957 é nomeado Procurador en Cortes, Conselleiro Nacional, membro do Consello de Estado e Delegado Nacional de Asociacións. En xullo de 1962 é nomeado ministro de Información e Turismo, nese posto vai relanzar o turismo co slogan "Spain is different!" e cunha importante labor de relanzamento da rede de Paradores.

En 1966 presenta unha lei de prensa coñecida como Lei Fraga, que pretendía ser unha apertura do réxime eliminando a censura previa, en realidade as cousas non cambian demasiado pois o goberno mantén o dereito de secuestrar ás publicacións é castigar aos seus produtores. Tamén nese mesmo ano, para disipar os temores tras un accidente nuclear, báñase na praia onde un avión estadounidense deixara caer dúas bombas nucleares (coñecido como o baño de Palomares). En 1973 ocupa o posto de embaixador en Londres ata 1975.

En decembro de 1975, finado Franco, foi nomeado Vicepresidente do Goberno e ministro da Gobernación do primeiro goberno da monarquía, a súa actuación durante os sucesos de Montejurra (1976) foi moi discutida polas forzas políticas democráticas.

Fundou, en 1977 o grupo político de Alianza Popular (AP), núcleo do actual Partido Popular (PP). En 1978 apróbase a Constitución Española; apesares de que Manuel Fraga foi un dos seus redactores, opúxose a partes fundamentais do texto coma o referente ao recoñecemento das autonomías.

Nas primeiras eleccións democráticas non vai ter moito éxito, pero nas eleccións de 1982 o seu partido convértese na segunda forza política de España e Manuel Fraga convértese en xefe da oposición. En 1987 cédelle a presidencia do Partido Popular a José María Aznar e el foi elixido deputado no Parlamento europeo, onde permanece ata 1989.

En 1989 foi elixido Presidente da Xunta de Galicia por maioría absoluta. En 1993 volve gañar as eleccións autonómicas, ampliando a maioría absoluta ao fronte do PPdeG. En 1997 acada a súa terceira maioría absoluta para presidir outros catro anos a Xunta de Galicia. Durante este período o cambio positivo que experimentou a Comunidade autónoma en tódolos indicadores, foi recoñecido de xeito xeral.

Tralas eleccións ao Parlamento de Galicia do 19 de xuño de 2005, abandona o Goberno da Xunta ao perder a maioría pola estreita marxe dun escano de diferenza. O goberno da Xunta será ocupado polo PSdeG e máis o BNG.

O 7 de febreiro de 2006 o Parlamento Galego elíxeo senador. É ademais autor de máis de 87 libros en castelán e 2 en galego.

 
Consellería de Innovación e Industria Icono de conformidade co Nivel Doble-A, das Directrices de Accesibilidade para o Contido Web 1.0 do W3C-WAI

Oficina de Turismo de Vilalba - turismo@vilalba.org RSS
Rúa Domingo Goás - 27800 - Vilalba (Lugo)
Tel.: 982 511 383