español galego english

Turismo Vilalba

Portada Contacto Mapa web

atrás Persoeiros  

Lois Peña Novo

Nado o 5 de agosto de 1893 e falecido o 24 de xullo de 1967 nun accidente de tráfico.

Estudou no Seminario de Mondoñedo e despois cursou a carreira de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela.

En 1916, ano da fundación da primeira Irmandade da Fala, incorpórase á de Compostela e participa como cofundador na de Vilalba. Desde entón brilla sempre nas diferentes formulacións de autogoberno galego ata o ano 1936.

En 1918 é un dos máis activos redactores do Programa das Irmandades da Fala aprobado na Asemblea Nacionalista de Lugo, que fixou o ideario galeguista básico ata a creación do Partido Galeguista en 1931. Entre outros puntos recollía a petición da autonomía integral de Galicia e a igualdade de dereitos de mulleres e homes.

En 1921 publica o libro "La Mancomunidad Gallega", que vai ser na década dos vinte a referencia dos galeguistas á hora de concretar as súas arelas de autogoberno.

Na alborada da II República -cando aínda non transcorreran dous meses- foi membro da comisión redactora do Proxecto de Estatuto de Autonomía para Galicia da Federación Republicana Galega e poñente na presentación e defensa dese Proxecto Estatutario.

En xuño de 1936 participou activamente na campaña pro-Estatuto de Galicia. O día 8 de maio de 1936 foi un dos asistentes á xuntanza dos deputados e dos compromisarios (para escoller o Presidente da República) elixidos en Galicia, co obxectivo de darlle pulo ao proxecto estatutario nun tempo que se valorou como "conxuntura magnífica para someter a referendo o proxecto de Estatuto Galego".

Así mesmo, Lois Peña Novo foi o primeiro concelleiro electo nunha candidatura nacionalista en Galicia, resultando elixido no Concello da Coruña nos comicios do 8 de febreiro de 1920.

Lois Peña Novo foi, con varios libros e centos de artigos, un dos principais estudosos da realidade socioeconómica galega do primeiro terzo do pasado século, e servidor da II República tantos en cargos que exerceu (Gobernador Civil de Sevilla, Valencia, Cáceres e Gobernador Xeral de Estremadura) como na súa defensa na caída da mesma ante a sublevación militar de 18 de xullo de 1936.

A súa pertenza ao bando dos perdedores da Guerra Civil supuxeron o comezo das penalidades: foi encarcerado primeiro en Lugo e despois en Baralla. Máis tarde foi deportado á vila de Mallén, en Zaragoza, para vir, ao remate da guerra, como confinado a Vilalba, a súa vila natal.

Desta última etapa da súa vida, a máis longa, soamente se coñece a súa asistencia, contra o ano 1945, a unha reunión celebrada na Coruña por iniciativa de Ramón Piñeiro. Nela pretendíase iniciar os contactos para a formación dunha fronte democrática opositora ao franquismo. Pero a detención de Ramón Piñeiro dous anos máis tarde deu ao traste con esta pretensión e, ademais, puxo punto final á actividade política de Lois Peña Novo.

Dende entón, a súa vida reconcentrouse no ámbito do privado e no exercicio libre da avogacía no seu despacho vilalbés. A única excepción constituíuna a obtención do premio Mouronte, en febreiro de 1959, polo seu artigo "La inversión del ahorro campesino", asinado co pseudónimo Luís de Cadaval e publicado no xornal La Noche.

 
Consellería de Innovación e Industria Icono de conformidade co Nivel Doble-A, das Directrices de Accesibilidade para o Contido Web 1.0 do W3C-WAI

Oficina de Turismo de Vilalba - turismo@vilalba.org RSS
Rúa Domingo Goás - 27800 - Vilalba (Lugo)
Tel.: 982 511 383