InicioPercorreCamiño Norte a Santiago

Camiño Norte a Santiago

Etapa Abadín - Vilalba

Esta etapa comeza en Abadin, porta de entrada á comarca da Terra Chá, unha vasta planicie sobre a que se asentan varios municipios lucenses. O percorrido iníciase á saída da localidade collendo unha pista a man dereita que vai en suave descenso.

Durante toda a etapa camíñase contemplando terras de cultivo e pastos con gando alternados con belas paisaxes de vexetación autóctona, predominando as formacións arboreas de carballos e bidueiros.

O traxecto avanza pola parroquia de Castromaior (Abadín) ata entrar no municipio de Vilalba pola parroquia de Corbelle. Á altura de Martiñán, crúzase a N-634 para dirixirnos cara á Pontevella de Martiñán, que permite cruzar á outra beira do río Batán. Esta ponte data do século XVII, ten tres arcos desiguais e a súa calzada é o elemento diferenciador deste recurso arquitectónico, limitado por un muro de pedra de granito como laxas encaixadas na plataforma da ponte, o que a converte nunha obra única, difícil de atopar noutros lugares de Galicia.

Despois, o Camiño discorre ata chegar á parroquia de Goiriz. Xusto antes de cruzar a N-634, atoparemos a man esquerda a Capela de Fátima, do século XVI e, fronte a ela, sitúase un antigo cruceiro. Alén da estrada, sitúase a igrexa parroquial, templo levantado no século XVI e reformado con posterioridade. Antigamente, utilizouse como refuxio dos infractores da xustiza, que non podían ser detidos polas autoridades no seu interior, a pesar de que despois fosen obxecto de xuízo e prisión. Aos seus pés sitúase o seu particular cemiterio neogótico, construído polos canteiros da veciña parroquia vilalbesa de Román.

Continuamos e, xusto no desvío que leva ao polígono industrial de Vilalba, sitúase o albergue de peregrinos do Xacobeo, onde finaliza esta primeira etapa do Camiño Norte ao seu paso por terras vilalbesas.

 

Etapa Vilalba- Baamonde

Este tramo do Camiño diríxese cara ao centro urbán e o primeiro punto de visita obrigada que atoparemos ao entrar na vila é o Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba.

Pouco despois, o Camiño irá atravesando o casco antigo pola rúa Porta da Cima, nome que fai alusión a unha das entradas da antiga muralla que rodeaba o centro da vila. Esta rúa recibe ao peregrino con fragmentos de textos e poemas de autores chairegos e conduce directamente á Praza de Santa María, na que se empraza a igrexa parroquial. Nas súas inmediacións, sitúase tamén a Torre dos Andrade, un dos símbolos máis representativos do municipio. A torre actual é do século XV e, na actualidade, alberga o Parador de Turismo. A uns cen metros da torre, no edificio da Casa da Cultura, atoparemos a oficina municipal de turismo.

De seguido, cóllese a rúa Sol na que se poden apreciar os restos da antiga muralla que rodeaba a vila. Logo, iremos saíndo do núcleo urbán e chegaremos a Ponte dos Pasos, que cruza o río Magdalena. Máis adiante, cruzarase o río Trimaz en Ponte Rodríguez e seguiremos camiñando ata chegar á parroquia de Alba. Neste punto, cruzaremos a N-634 para visitar outro lugar de gran interese: a igrexa parroquial, reformada no século XVIII e o seu peculiar cemiterio neogótico.

O percorrido avanza ata a parroquia de Ínsua ata cruzar o río Labrada pola maxestosa Ponte de Saa. Pouco despois este tramo do Camiño despídese de terras vilalbesas para entrar na parroquia de Pígara (Guitiriz) e avanzaremos ata chegar á localidade de Baamonde, onde se sitúa o fin da xornada ao chegar ao albergue de peregrinos.

Oficina de Turismo de Vilalba
Plaza de Suso Gayoso nº1 27800 Vilalba (Lugo)
Teléfono: (+34) 982 52 39 11 turismo@vilalba.org