InicioSaboreaGastronomía LocalQueixo D.O.P. San Simón da Costa

Queixo D.O.P. San Simón da Costa

O queixo San Simón da Costa, con Denominación de Orixe Protexida (D.O.P.), constitúe un dos alicerces fundamentais da gastronomía vilalbesa.

Presenta unha forma intermedia entre peonza e bala cun pico na parte superior, destacando especialmente pola súa cor amarela característica.

Orixes

Non se dispón de ningún dato que permita falar con certeza da antigüidade deste queixo, nin a que se debe a súa particular forma. O que si sabemos é que é un queixo que, polo seu alto valor e coidada elaboración, era empregado para pagar rendas agrarias.

Coidadoso proceso de elaboración

Elabórase artesanalmente con leite de vaca, procedente de vacas das razas rubia galega, pardo alpina, frisoa ou das súas cruces entre si.

A zona de produción de leite baixo esta Denominación de Orixe abarca todos os municipios da comarca da Terra Chá, sendo Vilalba o municipio que posúe o maior número de queixerías produtoras.

O seu proceso de elaboración segue unha longa tradición, distinguíndose pola súa singular fase de afumado con madeira de bidueiro que lle outorga o seu particular aroma e cor.

Onde adquirilo e degustalo

Comercialízase en dous formatos: grande e pequeno ou “bufón” e resulta doado atopalo en moitas das tendas de alimentación e produtos típicos da vila, así como nas propias empresas produtoras. A maioría de queixerías localízanse no municipio de Vilalba ( Cas Leiras, Catadoiro, Crisanto, Daniberto, Don Gabino, Fontelas, Prestes, Valado) e varias delas lograron numerosos premios, distincións e un gran prestixio a nivel nacional e internacional pola súa elevada calidade, o seu mimado proceso de elaboración e inconfundible sabor.

Unha experiencia gastronómica que non podes perderte é a de probar os pratos elaborados con esta delicia como ingrediente principal incluídos nas cartas de moitos dos establecementos hostaleiros do municipio.

O Queixo San Simón conta cun evento específico dedicado a exaltar este exquisito produto: a Feira do Queixo San Simón, que ten lugar a principios do mes de abril.

Máis información en: sansimondacosta. com

Oficina de Turismo de Vilalba
Plaza de Suso Gayoso nº1 27800 Vilalba (Lugo)
Teléfono: (+34) 982 52 39 11 turismo@vilalba.org